Pantallas de información no concello e nas casas de cultura amienses

Pantallas
ARCA
Pantalla da casa da cultura de Bertamiráns. Foto: C. A.

AMES. A través da concellaría de Promoción Económica, o Concello de Ames decidiu engadir unha nova ferramenta de comunicación cos veciños e veciñas. Trátase da instalación dunha pantalla informativa na entrada da Casa do Concello, e das casas de cultura de Bertamiráns e Milladoiro. Esta iniciativa forma parte do proxecto Ames Comercio Dixital dependente do programa de Proyectos Singulares da Cámara de Comercio de España, cofinanciado con Fondos Feder ao 80 por cento.

Este programa pretende dar difusión ao comercio local e aos programas de dinamización que impulsen a promoción económica, ademais de dar información municipal. A veciñanza pode visualizar cada semana os carteis da programación, exposicións, concertos ou as distintas actividades que organice o Concello de Ames, así como o vídeo promocional da campaña En Ames témolo todo.

Para a concelleira de Promoción Económica, “estas novas pantallas dixitais van axudar o Concello a informar dunha nova forma aos veciños e veciñas. Deste xeito tamén se pretende dinamizar as nosas rúas e que a veciñanza estea informada tamén de todas as actividades que van levar a cabo e así poidan inscribirse nelas ou acercarse a velas”. arca