Pecha a biblioteca boqueixanesa pero segue en pé o préstamo dixital

Lembran que non se poden recoller libros de forma física pero si con GaliciaLe ou eBiblio
COVID
Alba Prada
Sección infantil da biblioteca boqueixanesa. Foto: C. Boqueixón

Boqueixón. Ante a gravidade da situación sanitaria, o Concello de Boqueixón, que ata hai pouco mantiña en funcionamento a súa biblioteca, decidiu pechala ao público “polo menos ata o 18 de febreiro”, aclaran fontes municipais. Non obstante, lembran á veciñanza que a pesar de que non está activo o servizo de préstamo físico de libros, si que se pode acceder ao dixital a través das plataformas GaliciaLe ou eBiblio. Trátase por conseguinte dunha boa opción para continuar lendo a pesar do peche temporal.

Dende o goberno local informan de que os préstamos que finalizaban entre o 27 de xaneiro e o 17 de febreiro quedan adiados ata o 18. Hai que lembrar que a biblioteca boqueixanesa, sita na planta baixa da casa consistorial, acaba de renovar as súas instalacións para ofrecer un espazo máis amplo para os usuarios e usuarias e unha maior accesibilidade aos fondos bibliográficos.

Paralelamente a estas melloras, adheríase tamén á Rede Galega de Bibliotecas de Galicia, o que permite agora á veciñanza acceder a préstamos nas plataformas dixitais antes nomeadas. A.P.