Piden aos consumidores amesáns cautela ó mercar

Consumo
M.M.
A edil de Promoción Económica, primeira esqu., co alcalde, terceiro, e técnicos. Foto: CDA

A Maía. O Black Friday inaugura dende hai uns anos a temporada de compras de Nadal, e converteuse nunha das datas de maior facturación para moitos negocios. Por iso, a Unión de Consumidores de Galicia, que acaba de asinar un convenio de colaboración coa concellaría de Promoción Económica amesá, aproveitou a ocasión para publicar un decálogo para mercar a través de internet e outro para utilizar a banca electrónica de xeito seguro. Entre os consellos citaron cousas tan sinxelas como comprar en páxinas oficiais, non deixar gravados os datos da tarxeta bancaria ou fuxir dos prezos demasiado baixos. Tamén avogaron, por tomarse o tempo preciso nas visitas, empregando sempre páxinas oficiais de marcas e empresas e priorizar aquelas que teñen a súa sede na UE. E recordan que hai que eliminar os datos bancarios despois de realizar a compra, pero tamén que non se debe acceder á banca electrónica a través de wifis públicas. M. Manteiga