Prazo para a devolución do saldo da tarxeta bono amesá ata o 15 deste mes

Hai que cumprimentar un formulario na web municipal e remitilo por email á patronal XEA
Bonos descuento
M. Outeiro
Venda de tarxetas bono amesás con descontos pra mercar no comercio local. Foto: CDA

A Maía. Os interesados poden solicitar ata o 15 de decembro a devolución da parte proporcional dos saldos das tarxetas bono amesás, unha vez que as dúas fases da campaña xa remataron. O 60 % do saldo da tarxeta que non foi gastado, o que corresponde coa achega das persoas beneficiarias da subvención, poderá ser reclamado á entidade Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), cumprimentando o formulario da web e enviándoo por email (bonosames@gmail.com).

A concellaría de Promoción Económica lémbralles aos donos destes bonos que non se desfagan deles, dado que poderán empregarse en futuras campañas. Ademais, o formulario poderase recoller tamén nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, nas oficinas de Servizos Sociais de Bertamiráns e na propia casa consistorial, se ben a reclamación debe presentarse de igual maneira vía correo electrónico. Nas tarxetas quedaron pendente de gastar un total de 9.678,21 €.

Hai que lembrar que desde Promoción Económica puxéronse en circulación nesta segunda fase da campaña Merc@mes 2.800 tarxetas. Concretamente vendéronse 1.000 tarxetas de 50 euros e 1.800 tarxetas de 100 euros, o que supón un total de 230.000 euros dirixidos á promoción do comercio e da hostalaría local. A este importe hai que sumarlle o investimento realizado na primeira fase da campaña, polo que o volume de negocio total da campaña Merc@mes, témolo todo!, ascendeu ata 430.000 euros. M. Outeiro