Protección Civil fixo mil operativos en Ames o ano pasado

O número de voluntarios oscilou entre trinta e corenta // A pandemia obrigoulle a reinventarse
Protección Civil
Manuel Boo
Voluntarios de Protección Civil no Milladoiro o día das eleccións autonómicas. Foto: C.A.

Os operativos e saídas realizadas por Protección Civil de Ames no ano 2020 chegaron a 917. En número foron algunhas menos que o ano anterior, posto que moitas das actividades e dos eventos nos que habitualmente participaban suspendéronse por mor da pandemia da COVID. Durante ese período, o número de persoas que formou parte da agrupación oscilou entre 30 e 40 voluntarios.

Nun ano atípico, os voluntarios e voluntarias realizaron desinfeccións de parques e espazos de uso frecuente, carrexaron libros desde os colexios ás casas, atenderon a persoas necesitadas en colaboración con Servizos Sociais, viaxaron cos paxes reais ata as parroquias para recoller as cartas aos Reis Magos e mesmo felicitaron aniversarios a nenos e maiores nos meses do confinamento. Todo isto, ademais, nunha situación que obrigou ó citado colectivo a reorganizar servizos e quendas para evitar o máximo o posible risco de contaxios.

No ano 2020 Protección Civil de Ames prestou servizo en 239 operativos, 94 accidentes e 39 incidencias de circulación. Cómpre salientar que o maior número de accidentes de estrada produciuse nos meses de xaneiro, agosto e decembro, coincidindo con datas de menos restricións vinculadas á pandemia. Por outra banda, recolleu 85 animais soltos, colaborou en tres asistencias sanitarias, interviu en 14 incidencias causadas por verquidos, estivo presente en 6 accións de salvamento e rescate e sumou 500 servizos máis en outras incidencias.

MÁIS MATERIAL. Tanto o material sanitario como o destinado á mobilidade, telecomunicacións, incendios, apoio aos bombeiros e vestiario con que conta a agrupación amiense incrementouse en 2020. Catro emisoras Motorola, un desfibrilador e un simulador de desfibrilador supoñen o material novo sanitario e de telecomunicacións. En canto ao material operativo, a agrupación conta desde o pasado ano cun novo remolque de incendios con bomba de 600 litros, unha carpa de 4x4, 10 lanternas Led e, como equipamento, con 4 cascos MSA, 21 pantalóns de verán, 10 pantalóns de augas, 8 fundas ignífugas, 14 parkas, 4 vadeadores e 12 botas de auga. Ademais, xa en 2021, foille entregado un novo vehículo UTV. Dúas tablets e diverso material de incendios como, mangueiras, mangotes, lanzas de racor e reducións de racor constitúen algúns dos novos elementos cos que conta a agrupación.

Este ano Protección Civil de Ames pretende seguir incrementando o equipo de voluntarios para contar con máis medios humanos e tratará de incrementar o material do que dispón na actualidade.