Protección Civil recibiu o material para La Palma do sur da Coruña

Canalizou bens doados dende Teo, Negreira, Boimorto, Santiso e de toda a capital da Maía
Volcán Cumbre Vieja
M. Outeiro
Unha voluntaria de Protección Civil Ames cun carriño de bens doados para La Palma. Foto: AVPC

A Maía. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames foi designada para a recepción de material doado para paliar a erupción do volcán da Palma na zona sur da provincia da Coruña, co que recibiron bens cedidos e recollidos polos seus compañeiros de Teo, pero tamén de Negreira, Protección Civil de Boimorto ou do Concello de Santiso. As caixas foron ordeadas e colocadas en palés por un grupo de voluntarios para axilizar o seu envío a La Palma, estando previsto para o comezo desta semana.

“Non podemos máis que agradecer a solidariedade que unha vez máis mostran as veciñas e veciños de Ames coas súas achegas na recollida de produtos hixiénicos para La Palma”, aportaban desde o colectivo de voluntarios maianos. E, do mesmo xeito, quixeron facer mención especial “ao persoal dos supermercados nos que estivemos”, sen esquencer tamén a colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames, que habilitou puntos de recollida e facilitou o material de embalaxe.

Para rematar, Protección Civil Ames quixo agradecer a labor do encargado de obras do Concello de Ames, quen lles facilitou “o uso das súas instalacións para poder levar a cabo a preparación do envío”. Hai uns días a AVPC que preside Juan Pérez, co seu rexedor e outros munícipes, contactaron e abriron unha canle directa co coordinador de Protección Civil de Santa Cruz de La Palma para coñecer as súas necesidades e buscar xeitos de apoialos desde a capital maiá. M. outeiro