Proxectan de balde o 16 o filme ‘Tres’, que gañou outros tantos Mestre Mateo

Cine
M. Outeiro
Unha escena do filme ‘Tres’, de Juanjo Giménez, que vai chegar ata Ames o 16. Foto: JG

A Maía. A concellaría de Cultura prosegue co Ciclo Mestre Mateo durante este mes, coa proxección este mércores do filme Tres, galardoado con outros tantos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual (mellor película, mellor interpretación feminina protagonista para Marta Nieto e mellor son para Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts).

A proxección chegará este 16 de novembro, ás 20.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. Este ciclo pecharase o 30 de novembro cunha nova proxección e os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Tres é o novo thriller de Juanjo Giménez protagonizado por unha brillante Marta Nieto que interpreta a C., unha deseñadora de son que goza do seu traballo e pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando e mesturando. O estudio é o seu último refuxio, e onde postergar as avariadas relacións. M. Outeiro