Publícase no DOG o acordo da parcelaria Dodro-Laíño

Concentración Parcelaria
Claudina Estévez
Reunión do pleno da xunta local da zona de concentración parcelaria de Dodro-Laíño II o pasado 1 de agosto. Foto: C.D.

Dodro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se comunica a aprobación do acordo de reestruturación parcelaria da zona de Dodro-Laíño II, no concello de Dodro, que afecta a unha superficie de 470 hectáreas.

Este paso supón a determinación dos predios de reemprazo cos novos titulares, coa

superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Así, reorganizáronse un total de 8.973 parcelas de 1.019 propietarios en 1.378 predios, nun proceso que ata agora supuxo un investimento próximo aos 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación persoal ou -no seu defecto- da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e no DOG.

A reunión cos propietarios realizouse este mes de agosto e a colocación dos marcos que delimiten as novas parcelas está prevista para o mes de decembro.

O goberno local indicou que se retoma así un proceso “paralizado polas decisións” do anterior executivo local, “que motivaron a exclusión, ou no seu caso a inclusión, de determinadas parcelas afectadas polo polígono industrial”, indicaban ao respecto dende o Concello de Dodro. c.e.