Publicitan os horarios do bus para avisar de cambios

Transporte metropolitano
M. Manteiga
As marquesiñas numeradas teñen xa horarios provisionais dos buses en Ames. Foto: CDA

A Maía. A concellaría de Mobilidade de Ames vén de publicar a campaña O bus que me leva! para informar dos horarios e liñas do transporte metropolitano que pasa polo municipio amesán.

Así, a través desta iniciativa elaborouse un croquis coas liñas que cruzan A Maía e, ao mesmo tempo, localizáronse e sinalizáronse as marquesiñas e paradas de bus, onde se colocaron os horarios e frecuencias que pasan por cada unha das paradas. Toda esta información pódese atopar no apartado de Transporte da web municipal. O obxectivo é ofrecerlle á veciñanza unha información precisa e útil. Estes horarios estarán colocados de xeito provisional durante un mes coa finalidade de detectar posibles erros e, unha vez pasado dito período, colocarase a información definitiva. Os fallos encontrados pódense comunicar a través do enderezo de correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal ou tamén polo WhatsAmes 606 71 41 63. M. Manteiga