Rafael Vilar gaña o premio Rosalía de Castro con ‘O sal dos días’

O xurado do galardón de poesía de Padrón valorou a estrutura e coherencia temática
PREMIO LITERARIO
S. E.
Rafael Vilar

Padrón. O Concello de Padrón vén de fallar o VII Certame poético Rosalía de Castro que recaeu en Rafael Xesús Vilar González pola súa obra O sal dos días. O xurado valorou a estrutura, a coherencia temática e o simbolismo do territorio. “É un poemario lingüístico moi coidado. Ten vocación de conxunto”, destacan na acta de resolución .

O xurado estaba integrado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, como presidente; Lorena Couso, concelleira de Cultura; Anxo Angueira Viturro, profesor do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Manuel Lorenzo Baleirón, mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; María Xesús Senín Fernández, profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela de Padrón; Xosé Luis Axeitos Agrelo, filólogo, escritor, investigador e membro da Real Academia Galega, e María López Sández, filóloga, ensaísta, profesora de Educación Secundaria e profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

“Este premio significa moito para a noso municipio pola relevancia da figura de Rosalía na historia de Padrón, sendo un dos nosos símbolos de identidade máis senlleiros. É unha honra poder descubrir, a través deste certame, novos escritores que coa súa expresión conseguen explorar emocións e sentimentos da man da beleza”, afondou Lorena Couso. s. e.