Rede Aberta levará á Baña a fibra óptica ultrarrápida

Fibra óptica
M.M.
O rexedor Andrés García, primeiro esquerda, e o tenente de alcalde César Ramos, terceiro, con representantes de Rede Aberta. Foto: CDB

A Barcala. A partir da semana que vén comezará a despregarse na Baña unha rede ultrarrápida de fibra óptica grazas a un convenio de colaboración que o Concello asinará nos vindeiros días co teleoperador neutro de comunicacións Rede Aberta. Este despregamento permitirá dotar a zona das infraestruturas precisas para que calquera compañía poida logo prestar o servizo coa maior calidade.

Así, responsables aseguraron que comezarán a traballar ao longo da AC-444, que une Barcala e Xallas, e iniciarán a instalación no Ceilán e San Mamede. Ademais, Concello e empresa de telecomunicacións establecerán un mapa de áreas prioritarias de actuación para cubrir as chamadas zonas brancas, ás que non chega a fibra nin entran nos plans de execución.

En resposta á petición de Rede Aberta para utilizar as infraestruturas municipais para axilizar a dixitilización, o rexedor Andrés García manifestou o seu compromiso de “poñer todo da nosa man para facilitar os traballos e axilizar todos os trámites, tanto no que se refire a dotar as parroquias de cobertura 4G como de acceso a fibra”. E segundo o teniente de alcalde César Ramos, “é prioritario” ter un bo acceso para o desenvolvemento municipal. M.M.