Representan o acoso na obra ‘Golfa’ deste venres

Teatro
M. Outeiro
Un momento da obra teatral ‘Golfa’ que representarase o vindeiro venres en Ames. Foto: OG

Ames. Orixinalmente programada para o 25 de marzo como parte das actividades polo 8M, a comedia transmedia Golfa representarase este venres 8 de abril, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Bertamiráns (entradas a 5 euros na billeteira electrónica municipal).

A compañía Crémilo Proxectos Culturais e Dist. Espectáculos incluirá ao público nunha charla de sexualidade na que os protagonistas, os adolescentes Amanda e Fran e a nai deste último, Vicky, discutirán e reflexionarán sobre o acoso recibido pola rapaza dende que terminou a súa relación co seu compañeiro de instituto.

Golfa conta a historia de Amanda, unha adolescente que tras terminar a súa relación con Fran comeza a sufrir un terrible acoso virtual, o que leva aos seus pais a denunciar ao rapaz, que queda apartado do seu instituto. A tensión aumenta cando a nai de Fran, Vicky, aparece na porta de entrada ao centro e insulta a Amanda chamándoa “golfa”. M. Outeiro