Retómanse os diálogos de ‘Rosalía no Camiño’

Poesía
S. E.
Unha das primeiras presentacións das xornadas. Foto: X. G.

padrón. O xoves comeza en Padrón a terceira edición de Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües, unhas xornadas que tratan de promover a dimensión internacional da cultura galega en xeral a través da figura de Rosalía de Castro e do Camiño de Santiago. Nel participarán oito poetas chegados de toda Europa: María García Díaz (Asturias), Tatiana Faia (Portugal), Jaume Coll Mariné (Cataluña), José F. A. Oliver (Alemaña) e os galegos Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal e Nieves Neira Roca. Trátase de percorrer en tres xornadas (os 30 de xuño e 1 e 2 de xullo) escenarios xacobeos e rosalianos da Terra de Iria, Compostela e Pontevedra con este grupo de poetas ao tempo que se fan unha serie de accións multilingües. A vida e a obra da autora permiten establecer dous grandes escenarios literarios e xacobeos intimamente relacionados: Padrón, berce do Xacobeo e da autora; Santiago, capital do Xacobeo e da vida e da obra da poetisa, ademais Pontevedra, punto importante do Camiño Portugués. Alén dos recitais, tamén haberá visitas guiadas polas tres localidades, abertas ao público, así como a presentación de dous libros: Neve de agosto de Nieves Neira, e O gran poema, de Constantino Bértolo, na compostelá libraría Couceiro. Por outro lado, a Fundación Rosalía vén de editar un libro coas obras e traducións que son suxeito do proxecto. s. e.