Reuniranse os antigos alumnos do colexio Bispo Guerra Campos

Agárdanse xuntar a preto de 200 persoas vinculadas ao centro educativo este venres
Evento
C.G.
Derradeira actuación da rondalla e coro en 1993. Foto: C.A.

Ames. Unha cea e baile de confraternización xuntará a antigo alumnado e profesorado do colexio Bispo Guerra Campos, precursor do actual CEIP A Maía. Será este venres, 8 de xullo, no campo da festa da Ameixenda. O encontro, que conta coa colaboración do Concello de Ames, xuntará a preto de 200 persoas vinculadas a este centro educativo. Un dos asistentes será o ex alcalde, José Astray, quen foi tamén director do colexio. A xuntanza foi unha iniciativa do ex alumno Alfonso Illodo.

O goberno local colabora neste evento a través da cesión do espazo onde se realizará e o acondicionamento do mesmo. E é que o executivo local toma en consideración a importancia histórica deste centro educativo na vila, xa que polas súas aulas pasaron varias xeracións de veciñas e veciños desde que en 1972 abriu as súas portas na praza de Chavián, que foi a súa primeira ubicación durante dúas décadas. Logo mudou de lugar no curso do ano 1992-1993.

O evento, que se prevé que conte con edicións en anos vindeiros, constará de cea e baile coa actuación do grupo Alborada. Na cea servirase polbo, churrasco e bebidas. Haberá carpa e cantina e contarase cun espazo de estacionamento gratuíto para os asistentes ao encontro.

O prezo da cea será de 30 euros para adultos e 15 euros para nenas e nenos ata os 15 anos. En cambio para a cativada de ata 5 anos de idade que acuda ao evento, a cea será de balde. C.G.