Rois forma para prevenir e detectar o abuso infantil

abuso de menores
S. E.
Cartaz anunciador das xornadas sobre o acoso

Rois. O Concello de Rois organiza unhas xornadas formativas sobre prevención e detección do abuso infantil dirixidas a profesionais vencellados coa infancia. Persoal docente dos centros educativos do municipio, monitorado deportivo e das actividades de tempo libre, así como persoal técnico municipal, está chamado a participar en catro charlas que, con carácter gratuíto, impartirán profesionais da entidade sen ánimo de lucro Amino.gal no mes de novembro.

O obxectivo destas xornadas é realizar unha formación básica sobre como detectar e como actuar ante posibles casos de violencia ou abuso sexual nas persoas menores. Co propósito de dotar de ferramentas de protección á infancia a profesionais con diferentes perfís, realizaranse catro charlas. A primeira das accións vai destinada ao persoal técnico deportivo, monitorado e dirección de actividades de tempo libre, con preferencia para as persoas empadroadas en Rois. Será o martes 2 de novembro de 19.00 a 21.00 horas no auditorio municipal de Rois.

Máis adiante, os martes 9 e 16 de novembro, as charlas irán destinadas a persoal docente dos centros educativos. Por último, o persoal técnico municipal dos concellos de Dodro, Padrón e Rois, especialmente o relacionado cos Servizos Sociais, participará na última das charlas, que se desenvolverá o venres 19 de novembro no auditorio municipal de Rois entre as 10.00 e as 14.00 horas. s. e.