Rois, paso intermedio da contrarreloxo final

Vuelta Ciclista a España
Brais Fernández
O termo municipal conta con terreos ideais para a práctica do ciclismo de aí que sexa unha actividade destacada. Foto: C.d.R.

A vila de Rois vivirá este domingo a xornada grande da Volta a España 2021, coa contrarreloxo decisiva que marcará a clasificación final. Territorio de grandes lendas, conta a traslatio xacobea que a raíña Lupa recibiu aos discípulos do Apóstolo no Castro Lupario para axudarlles a atopar un lugar de sepultura para o mestre. Agora, serán os propios veciños os que reciban aos corredores para darlles ese último alento que lles permita chegar á tumba do Apóstolo.

Co podio en xogo, o municipio será punto intermedio da crono de 33,8 quilómetros que unirá Padrón con Santiago. Entrarán nel, precisamente, polo centro de Rois, pasando posteriormente por A Pontenova, Carrais, Quintáns e Urdilde. Precisamente, neste último lugar estará situado o primeiro punto de referencia da carreira, no que se poderán apreciar as primeiras diferencias entre os corredores. O paso dos ciclistas comezará ás 16.33, aproximadamente, cun goteo continuo de bicicletas que se prolongará ata pasadas ás oito da tarde. Ademais, unha hora antes do comezo, percorrerá a estrada a caravana publicitaria, con moito ambiente lúdico e regalos para os espectadores.

A cita permitirá poñer en valor as riquezas paisaxísticas e turísticas dun concello que destaca pola súa importancia no Camiño de Santiago, dentro da ruta portuguesa. O Pazo de Faramello ou a Ruta do Castro Lupario, así como desfrutar da súa excelente gastronomía, son algunha das actividades que poderán realizar aquelas persoas que se acheguen pola zona a presenciar a Volta.