Rosalía vive na Maía con photocall, mural de Muruzábal, teatro e obradoiros

Día de Rosalía
M.M.
Photocall na honra de Rosalía na Travesía do Porto. Foto: CA

Ames. O Servizo de Normalización Lingüística amesá, xunto cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de Infantil e Primaria do Concello e cos departamentos de Cultura e Mocidade, elaborou unha programación específica para conmemorar o mes de Rosalía. E comezarán este martes cos photocalls Rosalízate.

Estes paneis pra se retratar están ubicados na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro, a disposición de quen desexe facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate.

Ademais, programáronse dúas obras de teatro: Rosalía, o lugar onde nacen as poetas (para o público infantil), que está prevista para o 17 de febreiro, ás 18.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. A segunda é Libre coma os paxaros (para o público adulto), da compañía Teatro do Atlántico e que representarase o venres, 18 de febreiro, ás 20.30 horas, no mesmo espazo (entradas xa na billeteira electrónica). Pero tamén o artista Yoseba Muruzábal súmase á efeméride, e está elaborando o mural As Rosalías, na casa da cultura do Milladoiro para inauguralo o 23.

Salientar, do mesmo xeito, que as bibliotecas municipais abriron xa as anotacións para participar nos obradoiros de pintado de camisetas co gallo da celebración do Día de Rosalía e para todas as idades, que chegarán o 25 ao Milladoiro e o 26 a Bertamiráns. Inscricións en biblioteca@concellodeames.gal. M.M.