Rutas de sendeirismo e escola de pesca nas vilas de Vedra e Boqueixón

Rutas
Claudina Estévez
Os alcaldes de Vedra e Boqueixón, en primeiro plano, durante a ruta. Foto: C. Boqueixón

BOQUEIXÓN. Máis de 120 persoas participaron na ruta de sendeirismo Unindo roteiros... ao pé do Ulla, unha iniciativa incluída dentro dos programas Goza do Ulla e Correntes do Ulla. Os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, sumáronse á iniciativa, que percorreu os 10 quilómetros que separan as áreas recreativas de Sucira (Boqueixón) e Agronovo (Vedra). Unha camiñata na que “estrearon” a unión da ruta dos Pescadores de Boqueixón coa ruta de San Xoán da Cova en Vedra, realizada por mozos e mozas de ambos os dous municipios e que participan nun campamento medioambiental e de dinamización. Esta semana ademais pechouse o programa Correntes do Ulla con dúas sesións da Escola de Pesca en Río dirixidas a nenos de entre 10 e 13 e impartidas por David Arcay. C.E.