San Miguel de Sarandón xa iniciou a conta atrás para o Pasabodeghas

A décima edición do festexo da Asociación Cultural San Campio será os días 29 e 30
Festas
Claudina Estévez

Vedra. Xa non queda nada para a actividade estrela do Espazo Activo da Ulla, proxecto que nace no seo da Asociación Cultural San Campio: o Pasabodeghas, que se celebrará os vindeiros días 29 e 30 de outubro en San Miguel de Sarandón. Para todos aqueles aos que non lles soe o evento, dende a asociación explican que consiste nunha ruta gaiteira por adegas-casas (o sábado á tarde) “que se converten en espazos de gastronomía e cultura. Pola noite, no espazo Festexarte teñen lugar os concertos de grupos de música folk, ska, rock... acompañados dun magosto. Na xornada do domingo celébrase un xantar-foliada, e o remate pono un espectáculo alternativo”, indican.

En definitiva, o Pasabodeghas busca que as persoas que asistan descubran o sentir da aldea, coñezan as tradicións, os costumes, a gastronomía, a música e as xentes. “Este evento é un Espazo Activo para o espallamento da cultura das terras da Ulla, en particular, e da galega en xeral”, aclaran. Para acceder ao recinto débese mercar o Pack Pasabodeghas, que ten un custe de 12 € (inclúe xerro de barro, degustación de viño e tapa nas 8 adegas, ambiente festeiro con música tradicional, espectáculos, mostras, concertos...). Xa están á venda un número limitado dos packs (aforo limitado), en distintos bares da vila e noutros da contorna (poden consultarse en pasabodeghas.com),

O evento contará con espazo infantil, obradoiros, espectáculos... En definitiva, é apto para todos os públicos e para desfrutar en familia.

Non faltarán os xogos populares, os postos de artesanía, as exposicións nas oito adegas, a música tradicional ao longo da tarde, a subida ghaiteira dende o cruce da Pedreira con espectáculo nocturno e os concertos.

Entre os servizos cos que contará o festexo hai que indicar o aparcadoiro gratuíto, zona de acampada e autocaravana, baños portátiles, asistencia sanitaria, seguros e trens para pasear de adega en adega. E no espazo dos concertos estará dispoñible o posto de polbo e de bocadillos e bebidas. Dende a entidade animan a participar. C. E.