Segue o ciclo Mestre Mateo de balde con ‘A virxe roxa’

Premios Mestre Mateo
M. Outeiro
Un fragmento do trailer de ‘A virxe Roxa’, obra de Marcos Nine e gañadora dun Mestre Mateo. Foto: MN

A Maía. O Ciclo Mestre Mateo continúa este mes cunha nova proxección, nesta ocasión do filme gañador na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, A virxe roxa, de Marcos Nine. Será o mércores 20 de abril, ás 20.00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello.

A virxe roxa retrotráese ata xuño de 1933, cando un suceso conmociona á España republicana da época. Unha das figuras intelectuais máis prometedoras e precoces do país, Hildegart Rodríguez, fora asasinada mentres durmía pola súa nai, Aurora Rodríguez. A rapaza era o proxecto científico da proxenitora, que buscou dende o seu nacemento moldeala e transformala nunha “muller do futuro”. Deste xeito, antes de morrer aos 18 anos, xa era avogada e estudaba dúas carreiras máis; publicara quince libros sobre materias como a sexoloxía, e era unha comprometida militante política.

A historia de Hildegart e da súa nai Aurora, que cumpriu condena ingresada nun centro psiquiátrico ata morrer en 1955, serviu de inspiración a numerosas obras literarias e cinematográfica, como A miña filla Hildegart, dirixida por Fernán Gómez. M. Outeiro