Sergude suma un parque mellorado e con cuberta

Infraestruturas municipais
C.G.
Aspecto da área de ocio infantil sita en Sergude. Foto: CDB

Boqueixón. Os máis cativos de Boqueixón contan xa cun novo parque infantil cuberto no Centro Rural Agrupado (CRA) de Sergude, no que investiron máis de 40.000 euros. O mandatario local, Manuel Fernández Munín, explica que “ademais de ser cuberto, este novo parque conta cun pavimento mellor e máis seguro para a rapazada que o vai empregar”.

As actuacións incluiron a desmontaxe dos xogos existentes e a demolición do pavimento anterior do parque, sobre o que se construíu unha estrutura metálica para a cuberta que ocupa unha superficie de 156 m2 e está composta por catro pórticos realizados en pezas simples. Sobre elas vai unha cuberta inclinada de placas traslúcidas planas de policarbonato e 16 milímetros de espesor.

O novo pavimento do parque, de 126 m2 de superficie, está composto por unha soleira de 15 centímetros de formigón sobre 20 centímetros de zahorra e un pavimento de seguridade continuo de caucho para a protección fronte a posibles caídas. Ademais, colocouse escuma de protección adherida aos pilares e ata unha altura de dous metros.

A actuación completouse coa instalación dun conxunto de xogos con dous resortes individuais, un bambán dobre de aceiro inoxidable e un conxunto torre do xogos realizado en madeira laminar de piñeiro. Dende o concello avanzan así na cubrición das áreas de ocio. C.G.