Superáronse xa o milleiro de casos activos por covid cunha incidencia de 1.414 a sete días

No 2021, nestas mesmas datas, eran dez veces menos na capital da Maía, pero con patoloxías moito máis graves
Contagios COVID
M. Outeiro
Cribado, pola incidencia da covid, no centro de saúde do Milladoiro en maio do pasado ano 2021. Foto: CDA

A Maía. O Concello de Ames informa de que, segundo lle trasladou a Xerencia da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, o número de casos activos pola covid no municipio é de 1.024. A incidencia acumulada a 7 días suma 1.414 casos, mentres que a incidencia acumulada a 14 días é de 2.962.

Unha vez máis, incídese en que é preciso que cada individuo actúe con responsabilidade. “Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 673 73 90 11 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal”, explican dende a administración local.

A situación epidemiolóxica na capital maiá obrigou xa antes do Nadal a suspender os programas de conciliación. Ademais, e ao igual que o resto de actividades da Aula da Natureza que restaban da súa programación festiva, a ruta ambiental Bosque de Inverno, programada para este sábado 8 de xaneiro, queda suspendida (as persoas inscritas foron xa notificadas dos cambios).

HAI UN ANO. Hai que lembrar que, hai xustamente un ano, o número de casos era de 125 veciños contaxiados, aínda que por variantes máis perigosas (se ben moitísimo menos transmisibeis). Por ese motivo, establecérase un peche perimetral no que a veciñanza da capital maiá tan só tiña permitido desprazarse polos termos municipais de Ames, Santiago e Teo. Ademais, os grupos (conviventes ou non) limitáranse a un máximo de catro persoas e a hostalaría só podía atender no exterior ao 50 %, con peche ás 18.00 horas. Un ano despois, a 7 de xaneiro de 2022, as restriccións son menores no sector da restauración e dos bares, introducíndose ademais o pasaporte de vacinación para acceder a algúns destes locais. M. Outeiro