Teatro, cine e andaina para plantar cara ao machismo

Violencia de xénero
M. Manteiga
Concelleiros e técnicas na presentación dos actos do Día contra a Violencia de Xénero en Ames. foto: CDA

A Maía. Amés vén de presentar os seus actos para o Día da eliminación da Violencia contra a Muller, 25 de novembro, baixo o lema Nin servil nin calada. Libre que arrincarán este mércores ás 20.30 na casa da cultura de Bertamiráns ca película Nación de Margarita Ledo. Seguirán co acto institucional central da efeméride o 25, ás 18.30 horas na praza do Concello (incluindo actuacións da Escola de Música Municipal e da Plataforma Feminista de Ames) e alongaranse ata decembro.

Polo medio, Teatro Foro con ¿Esto es amor? da compañía aragonesa Psiare o día 19 ás 09.30 horas no IES do Milladoiro; a mediodía no salón de actos de Bertamiráns e ás 20.30 horas na casa da cultura do Milladoiro. E xa o 20, na casa da cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas. Ese mesmo día 20 haberá, baixo o lema Ames marcha contra o machismo, unha andaina pola ruta mitolóxica do Monte Viso, con saída dos buses dende as dúas urbes. As inscricións para esta actividade están abertas ata o día 18 ás 14.00 horas, con anotación a través de email (a promociondasaude@concellodeames.gal).

Á presentación transversal acudiron catro edís de Benestar e Igualdade, Cultura, Mocidade e o de Turismo. M.M.