Teatro de Juan Mayorga con ‘O mozo da última fila’

Teatro
M. Outeiro
Escea de ‘O mozo da última fila’ a cargo de Redrum. Foto: RT

A Maía. A programación de artes escénicas de Ames pechará mes con O mozo da última fila, unha comedia a cargo de Redrum Teatro que chegará este venres 28, ás 20.30 horas, ata a casa da cultura de Bertamiráns e con entradas xa a venta na billeteira web municipal.

Trátase dunha obra que se centra en Claudio, un estudante de dezasete anos que non soporta as clases, e en Xermán, o seu profesor de Lingua e Literatura, co que empeza a compartir relatos a raíz dunha redacción sobre unha fin de semana na casa dun amigo.

O mozo da última fila transmite a necesidade de contar e escoitar historias, e de formar parte e de imaxinarnos dentro delas. Como parte dunha tarefa de fin de semana para o instituto, Claudio, un rapaz de dezasete anos, redacta unha historia sobre a familia do seu amigo Rafa Artola, á que consegue coñecer na súa casa e coa que levaba obsesionado todo o verán. O texto sobresae por riba dos demais e chama a atención do seu profesor de Lingua e Literatura, Xermán, que queda intrigado pola capacidade de observación do mozo. Pero dende ese primeiro traballo para clase, a relación entre alumno e mestre muda dun xeito evidente.

Esta é unha das pezas máis destacadas do dramaturgo Juan Mayorga (Madrid, 1965), pola que recibiu o premio Max 2008 ao mellor autor. M. Outeiro