Teatro e música en vivo con ‘Smoke on the water’

Espectáculos
Claudina Estévez
Unha escena de ‘Smoke on the water’ de Ibuprofeno Teatro, que chega a Ames. Foto: C.A

AMES. A compañía Ibuprofeno Teatro protagoniza unha nova proposta de artes escénicas en Ames neste outono, coa obra Smoke on the water. O espectáculo, que combina teatro con música en directo, conta unha historia de amor tinguida de sexo, drogas e o rock and roll dos anos 70. Será o próximo venres 14 de outubro, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. A obra chega a Ames como parte da colaboración entre a concellería de Cultura e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Dirixida por Santiago Cortegoso, conta cun elenco formado por Josito Porto, como Ritchie; Belén Constenla, como Janis; Adrián Ríos, que fai de Álex; María Costas, como Joan; e Mon Orencio, como músico en escena. As entradas poden adquirirse por cinco euros a través da billeteira electrónica do Concello, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na casa da cultura de Bertamiráns. Haberá prezos reducidos para determinados colectivos. C.E.