Teo abre a reserva de praza nas escolas infantís

Educación
Claudina Estévez
Está aberto tamén o prazo para o programa de conciliación de Semana Santa. Foto: C. Teo

TEO. O Concello de Teo abre o prazo das escolas infantís municipais (EEIIMMs) para o vindeiro curso 2021-22. O municipio conta con tres centros públicos: as escolas infantís de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. O prazo para solicitar a renovación nas mesmas rematará o 15 deste mes, e a reserva vai dirixida aos nenos e nenas que xa están asistindo a algunha das escolas, e cuxos membros da unidade familiar se atopen empadroados no concello. Neste caso os impresos de solicitude xa serán entregados nas escolas pero deberanse enviar por rexistro, ben a través da sede electrónica ou no rexistro xeral. No caso dun novo ingreso o prazo comprenderá ata o 31 deste mes. Os impresos poderanse recoller nas escolas infantís municipais, nos servizos sociais ou a través da web municipal. En relación coa conciliación infórmase tamén de que está aberta a inscrición para o Diverteo de Semana Santa que se celebrará os días 29, 30, 31 de marzo e 5 de abril. C.E.