Tonhito de Poi leva o seu disco ‘In-dios’ ata Negreira

Concierto
M. Outeiro
Unha actuación de Tonhito de Poi cunha coroa tribal indíxena. Foto: TDP

A Barcala. O ribeirense Tonhito de Poi vai levar ata Negreira a presentación do seu novo disco (Autoeditado, 2021) denominado In-dios. Farao o 5 de marzo ás 21.30 horas no local da asociación cultural Son Terra, sito no baixo do número 30 da avenida de Santiago da capital barcalesa, cunha banda que inclúe a Pachi Cruz ao baixo; Medín á batería e a veciña de Broño Cristina Morquillas na electrónica e coros.

O de Castiñeiras, localidade ribeirense onde naceu en 1969, volve a recorrer as súas experiencias selváticas para encher seu terceiro traballo en solitario: In-dios, e hai que lembrar que das anteriores dúas viaxes a Amazonía xurdiron os traballos O soro da verdade (2013) e Non hai onde esconderse (2019). Agora, reivindícase coma parte da comunidade india mundial que desemboca nos temas que foron gravados en estudio para este novo álbum.

Foi gravado, ademais, con métodos técnicos analóxicos, e o resultado –con produción de Cris Morquillas nos estudios Broño desta parroquia negreiresa–, foi definido coma o máis elaborado entre os seus discos en solitario. Neste caso, ademais, mistura efectos electrónicos, coros e percusións e cánticos tribais co seu mellor rock. M. Outeiro