Tres sentenzas declaran xa a nulidade dos despedimentos no hotel balneario do Tremo

Laboral
O.D. Vilar
Unha das últimas concentracións dos traballadores do hotel balneario do Tremo. Foto: CCOO

Comisións Obreiras confirma que xa hai polos menos tres sentenzas a favor dos traballadores que foran despedidos do Hotel Balneario do Tremo, no Concello de Brión. As resolucións xudiciais coñecidas ata o momento decretan a nulidade dos despedimentos por considerase acreditada “a existencia dunha fraude de lei para evitar cumprir cos dereitos de subrogación do persoal”. CCOO, que asesora os demandantes, congratúlase desta vitoria xudicial e agarda que as restantes sentenzas que aínda están pendentes se pronuncien na mesma liña. A nova chega despois das primeiras mobilización dos empregados (este días seguiron a manifestarse) publicadas por este xornal hai xa máis de dúas semanas.

A empresa, anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela, pechou a comezos 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas. Os xuíz considera feitos probados que a empresa deu de baixa o persoal na Seguridade Social o 15 de xuño e que só dous días despois se constitúe a nova compañía (que comparte cargos administrativos, instalacións, medios e provedores coa empresa extinta). As novas contratacións comezan a producirse o 12 de xullo, menos dun mes despois, sendo incorporada á nova empresa aproximadamente a metade de traballadores e traballadoras que había antes do peche.

A interrupción do vínculo laboral durante este tempo, menos dun mes, impediría automaticamente que as traballadoras e traballadores puidesen exercer o seu dereito a seren subrogados nas condicións de traballo previas pola nova empresa. Non obstante, a Xustiza ditamina que “si cabería derivar a responsabilidade excepcionalmente á nova empresa” en caso de constatarse a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas codemandadas neste proceso.

Así o consideran os xulgados composteláns, “que verifican a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas Hotel Balneario do Tremo S. L., Balneario do Tremo S. L. e Balneario de Compostela S. L., decretando a nulidade dos despedimentos, instando ao pagamento dos salarios de tramitación e cantidades pendentes, así como á readmisión inmediata do persoal”, subliñan dende Comisións.