en Padrón

Coa intervención os expertos buscan ampliar os datos deste xacemento sito no Val do Ulla
Arqueología
María Rendueles
Castro Valente, sito na beira sur do río Ulla. Foto: C, no aire

Un grupo de investigadoras do proxecto Castelos no aire e do grupo Síncrisis da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, dirixidos por Mario Fernández-Pereiro e en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos realizarán unha campaña de escavación arqueolóxica no Castro Valente, no Concello de Padrón. A intervención, que comenzou o luns 14, ten unha duración dunha semana e procurará ampliar os datos arqueolóxicos existentes sobre este xacemento.

“Temos documentado en toda Galiza que, en relación ca fin do Imperio Romano, aparecen multitude de fortificacións que se encargarían de organizar política e socialmente o territorio durante todo o século V” explica Mario Fernández-Pereiro. “Será neste contexto cando entendemos que se ocuparía”.

O Castro Valente é un recinto fortificado moi característico e situado no cumio do monte homónimo, na beira sur do río Ulla, e ten un amplo control visual da súa contorna. “É unha fortificación impoñente cunha superficie de 11 ha.” explica Mario Fernández-Pereiro, “sendo o máis característico o estado de conservación das súas murallas, facendo que sexa coñecido tradicionalmente como A Cerca pola veciñanza.”

Esta intervención englóbase dentro do proxecto Castelos no aire, que financia a Deputación, centrada en investigar como se desenvolveu a transición entre a fin do Imperio Romano e a creación do Reino Suevo. “Unha época descoñecida” afirma Fernández-Pereiro, “mais será aquí cando se colocaron os alicerces da evolución social, política e económica deste territorio durante a Idade Media até os nosos días.” Este mesmo equipo traballou noutros xacementos similares, coma o Faro de Budiño (O Porriño, Pontevedra) ou o Castelo de Portomeiro (Val do Dubra, A Coruña). En ambos casos “conseguimos documentar dúas fases diferenciadas de ocupación e novos datos sobre a produción cerámica altomedieval galega” comenta Jose Carlos Sánchez-Pardo.

A intervención busca, tamén, pór o foco sobre o xacemento, moi maltratado polo abandono, as pistas cortalumes que o destrúen en varios puntos e a invasión de acacias que cobre unha boa parte da súa superficie.