Ultímanse os detalles da parcelaria en Boqueixón

Concentración Parcelaria
Claudina Estévez
Pola esquerda, Manuel Fernández Munín, Gonzalo Trenor e Ovidio Rodeiro. Foto: X.

Boqueixón. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, para ultimar os detalles da nova reestruturación parcelaria que se levará a cabo no concello, e que foi

aprobada polo Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que, ademais, participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación proposta.

O delegado da Xunta destacou que esta nova zona de concentración parcelaria que se aprobou para Boqueixón levarase a cabo na zona de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo, sobre unha superficie de 1.961 hectáreas. Afectará a un total de 10.450 parcelas e a 1.195 propietarios.

Neste senso, sinalou que “a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na Comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio”. Ademais, indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios. c. e.