Último aviso para sumarse ás contendas dialécticas dos regueifeiros

Remata o vindeiro día 28 o prazo para os certames na categoría xeral e tamén a escolar
Certamen
M. Manteiga
Un obradoiro do proxecto Enreiguéifate no Instituto do Milladoiro. Foto: CDA

Ames. O prazo de inscricións para o certame Enreguéifate rematará o vindeiro 28 de maio e, como novidade, este ano o certame proporcionou unha serie de materiais formativos de libre visualización arredor da regueifa e da súa conexión con outras artes de improvisación oral, entre os que se atopan obradoiros impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira ou polo grupo musical SonDaRúa. Están dispoñibles na súa páxina web e na canle de Youtube.

E haberá, como adoita a suceder, dúas categorías: a xeral e a escolar. E seis premios en cada unha das mesmas: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

Respecto aos obxectivos,o principal deste proxecto pasa por que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa que pon en contacto aos novos valores cos regueifeiros máis sabedores. m.m.