Apropiado para os amantes dos sabores picantes e intensos é fruto da colaboración das empresas Ribeiro e Carmucha e acaba de sair ao mercado// A promotora elabora os seus produtos, moi premiados, de xeito artenal TEXTO María Rendueles

Un vinagre aromatizado cos xenuinos pementos de Herbón

Innovación
María Rendueles
Xoán Pablo Lorenzo, responsable de Vigagres do Ribeiro cunha das súas produccións. Foto: autorfo

A empresa Vinagres do Ribeiro vén de elaborar un novo produto, neste caso en colaboración coa empresa de Padrón Pementos Carmucha. Trátase dun vinagre de crianza que continúa a liña de aromatizados artesanais Albarro (XPI, XPII e XPIII), definidos pola acetificación artesanal, non adicción de sulfitos e aromatizados, neste caso elaborado con pemento de Herbón e que saiu estes días ao mercado.

Vinagres Do Ribeiro, firma constituída no ano 2017 no corazón da comarca ourensana de O Ribeiro desde unha arraigada tradición familiar vitivinícola, aposta pola elaboración de vinagres por métodos artesanais. Nese tempo, explican os responsables, os seus vinagres xa están posicionados nas mellores tendas gourmet e restaurantes de Galicia, comercializando tamén en outras zonas do Estado e iniciando a exportación a outros países da Unión Europea como Alemania e Paises Baixos.

En tan só tres anos, un dos seus vinagres, o denominado Albarro XPI, obtivo por dous exercicios consecutivos a medalla de ouro no único concurso internacional de vinagres, organizado por Vinavin, Asociación Amigos Amantes del Vino y el Vinagre, en colaboración coa Deputación de Córdoba, converténdose así no primeiro e único vinagre galego premiado neste certame.

“Vinagres do Ribeiro aposta polo vinagre artesanal cunha nova visión que pon o vinagre no centro, como un produto gourmet e non como mero condimento, e aproveitando un ingrediente de enorme prestixio como é o viño de O Ribeiro. Reivindicamos que a uva ten moitas máis posibilidades que o viño”, sinala Xoán Pablo Lorenzo, responsable da empresa, que ten a súa sede no municipio ourensano de Beade.

CARMUCHA. Pola súa banda, Pementos Carmucha é unha empresa familiar do municipio coruñés de Padrón que cultiva pementos desde hai máis de noventa anos. Actualmente a cuarta xeneración, acollida á DO Pemento de Herbón, e co selo Galicia Calidade, comercializa os seus pementos nos mellores restaurantes de Galicia, e por todo o Estado español, conseguindo o recoñecemento de grandes cociñeiros coma Martín Berasategui.

Ademáis da comercialización do pemento de Herbón en verde, Pementos Carmucha elabora produtos derivados como pemento confitado, pementón doce e picante, e mesmo queixo con pementos en colaboración coa Casa Zolle.

COMBINACIÓN. Segundo explican os seus creadores, o vinagre aromatizado cos pementos de Herbón é froito de seis meses de experimentación na busca da combinación idónea para acadar un produto gourmet, con só dous ingredientes e sen ningún tipo de conservante, é decir, un vinagre artesanal de viño blanco do Ribeiro con máis dun ano de crianza, macerado con pemento de Padrón . “O resultado é un vinagre de complexidade aromática, con notas moi definidas de pemento verde .Un vinagre de sabor intenso, que combina unha fresca acidez elegantemente suavizada pola crianza e a intensidade punzante propia do pemento de Padrón con marcada persistencia”.

A impresión final, engaden desde a empresa ourensana, é “harmoniosa con retrogusto que nos deixa descubrir debaixo da sensación picante unha multiplicidade de sabores, cos matices do viño de orixe acentuados pola acetificación artesanal... Un vinagre sen letra pequena e apropiado para os amantes dos sabores picantes e intensos, sen esquecer a elegancia dos sabores auténticos”.