Unha coordinadora loitará por manter o paso peonil na vella Ponte de Gundián

Infraestruturas
M.M.
A vella Ponte de Gundián, pechada agora por obras. Foto: CV

Vedra. O Concello de Vedra anuncia a creación dunha coordinadora, integrada pola veciñanza de Ponte Ulla e unha representación de cada unha da forzas políticas da Corporación municipal, a través da que canalizarán todas as accións a realizar para manter un paso peonil pola vella Ponte de Gundián.

A noticia chega despois da xuntanza urxente solicitada coa presidenta do Adif, e así mesmo estase a traballar xa para presentar unha alternativa técnica e xurídica que permita reabrir un paso que sempre empregou a veciñanza. “Temos que comunicar que as conversas e negociacións con Adif, a través da Subdireción de Operacións RC Noroeste, non resultaron ata o de agora frutíferas, comunicándonos ademais que por motivos de seguridade e o pronto inicio de obras de reparación da Ponte de Gundián proceden a pechar o acceso á mesma, o que fixeron fai uns días”, explican. Así o confirmaban publicamente, a falta dun acordo en canto á posibilidade de realizar ese paso peonil seguro sobre o propio viaduto.

“Seguimos a defender e reclamar o mantemento dese paso histórico da veciñanza por dita ponte, para que, sen estar en contra de buscar a máxima seguridade, se realice un paso peonil seguro que cremos posible e factible”, apuntaban. M. M.