Unha escultura na última etapa do Camiño da Ría

Camino de Santiago
M.M.
Sonia Moure, esquerda, con Lens, García e Adrio. Foto: CA

Ames. A localidade de Bertamiráns é o punto de partida do último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. E para remarcalo, o Concello de Ames ten previsto colocar unha escultura no parque do Ameneiral, deseñada e executada polo alumnado do Ciclo superior de Técnicas da Escultura da escola, EASD, Mestre Mateo.

Foi o rexedor Blas García quen asinou o convenio de colaboración co director dese centro compostelán, Juan Adrio Fondevila, e a escultura será colocada na zona verde do centro da capital. Ao acto de sinatura do convenio tamén asistiron o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e maila técnica de Turismo, Sonia Moure.

O Camiño da Ría de Muros e Noia foi declarado oficial o 15 de decembro de 2020 despois de tres anos de investigacións. Esta Ruta Xacobea, que permite combinar a navegación cun tramo a pé, conta dende entón coa mesma oficialidade que o Camiño Francés, o Portugués, o Inglés ou o Primitivo. O itinerario atravesa os municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Ames. O n concello amiense convértese, polo tanto, na última etapa cara Compostela.

Con esta ruta son tres os Camiños de Santiago que discorren polo Concello de Ames: o Portugués, o de Fisterra e o recentemente oficializado de Muros e Noia, segundo explican. M.M.