Unha gala vai visibilizar aos veciños con discapacidade

Persoas con discapacidade
M.M.
Presentación da gala, con Soraya Añón, esquerda, Fran Rei, Luísa Feijóo e Rubén Ramos. Foto: CDA

A Maía. A concellaría de Benestar Social amesá organiza a primeira Gala da diversidade, que se celebrará o vindeiro 2 de decembro na casa da cultura de Bertamiráns, ás 18.00 horas, e que contará con dúas madriñas de excepción: a Fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos.

Esta iniciativa, que terá lugar con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional 2022, conmemorado o día 3 de decembro, estará protagonizada polos usuarios que integran hoxe a asociación para persoas con diversidade funcional Arcea Adames, situada no Milladoiro. Ademais, haberá dous espectáculos de danza clásica e moderna, da man de Ricardo Pardo e da compañía teatral Al Lío.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, presentou este martes o seu programa, acompañada polo cofundador da cooperativa musical e teatral CulturaActiva, Fran Rei, e por Rubén Ramos e Soraya Añón, persoal do departamento de Benestar Social. O obxectivo do evento é visibilizar ao colectivo das persoas con diversidade funcional, ademais de favorecer a inclusión artística dos integrantes da asociación. Haberá servizo de bus dende O Milladoiro (reservas no teléfono 683 327 378). M.M.