Veciños dos Tilos esixen a eliminación das ratas

Pragas
O.D. Vilar
Unha rata, no medio da imaxe marcada cunha frecha, correndo por unha zona verde dos Tilos. foto: AA VV

Teo. A Asociación de Veciños dos Tilos esixe que se poña fin á invasión de roedores que levan meses padecendo, e lembran que a principios de setembro xa solicitaron “ao Concello de Teo unha desratización urxente pola barbaridade de ratas que temos”.

Na súa opinión, non se fixo nada, e divulgan un vídeo que lles remitiron nestes días onde se observa como un exemplar de bo tamaño escapa cando pasa un corredor por unha zona verde dos Tilos.

Hai que lembrar que o BNG xa solicitara o 29 de xullo a desratización da urbanización porque llo pediran os residentes a título particular. Posteriormente foi a AA VV a que interviu “cando o asunto empezou a poñerse serio, e víanse as ratas a calquer hora do día”, relatan dende a directiva. A praga, que se foi abordada fíxose sen éxito, afecta ao entorno do centro comercial e a rúas coma Castiñeiro, Loureiro, Carballo, Salgueiro, Ameneiro ou Buxo. O.D. Vilar