Vedra une a música local co Camiño de Santiago

música galega
Claudina Estévez
O alcalde de Vedra, 1º dereita, con algúns dos músicos participantes, durante a presentación da iniciativa. Foto: C. Vedra

Vedra. Camiños de Música é o nome da nova iniciativa que vén de pór en marcha o Concello de Vedra con ánimo depromover e dar a coñecer a través da música os tres Camiños de Santiago que pasan polo municipio. Deste xeito a proposta consiste en dúas andainas polas tres rutas, nas que os participantes irán acompañados da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla e de grupos locais.

A primeira cita será o vindeiro 10 de xullo e neste caso percorrerase o Camiño Miñoto-Ribeiro. A música correrá a cargo dos grupos requinteiros A Gaita de Sarandón e A Requinta da Laxeira. Hai opción de facer a etapa completa de 21 km. ou outra máis curta de 16. No caso de escoller a primeira, haberá que estar ás 09.30 horas na Ponte de Sarandón; para a segunda sairase ás 10.30 de A Gaiosa.

A segunda andaina é o 11 de setembro. Neste caso percorreranse a Vía da Prata e o Camiño de Inverno co toque musical da Banda de Santa Cruz de Ribadulla. Pódese saír ás 09.30 de Ponte Ulla (21 km) ou ás 10.30 da Capela do Santiaguiño (16). É gratis e hai que inscribirse en www.concellodevedra.gal. C.E