Vintecinco obras optan a gañar o premio de poesía Lorenzo Baleirón

O xurado elixirá ao gañador/a o vindeiro día 21 e vaise entregar o 12 de decembro
PREMIO LITERARIO
S. E.
O poeta, xa finado, Eusebio Lorenzo Baleirón

Dodro. Un total de vintecinco poemarios optan a gañar o XXXIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, organizado polo Concello de Dodro. O vindeiro 21 de novembro o xurado dará a coñecer a obra gañadora.

O xurado designado polo Concello de Dodro para valorar os 25 traballos presentados ao concurso está composto por Ana Belén Salgado Domínguez, crítica literaria, lingüista e profesora; Miriam Ferradáns Ferradás, poeta galega; Iolanda Pérez Zúñiga, escritora galega, e Antón Blanco Casás, poeta gañador da pasada edición do certame de poesía.

Segundo informan desde a organización, se a evolución da covid-19 non o impide, o acto oficial de entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 12 de decembro, case, coincidindo coa data do aniversario do falecemento de Eusebio Lorenzo Baleirón, poeta de Dodro ao que o certame rende homenaxe.

Indicar que o Concello nomeou como responsable do bo desenvolvemento do premio á poeta, profesora e tradutora, Elvira Ribeiro Tobío, quen conta cunha importante traxectoria no mundo literario, recibiu moitos premios e ten unha extensa obra na nosa lingua. s. e.