Volve a feira con cabalos ao San Martiño teense o día 11

Ferias
M. Outeiro
Unha anterior edición da Feira do San Martiño de Teo, que volverá co mercado de cabalos. Foto: Puri Sangiao

Teo. Volve a feira das feiras a Teo, e esta vez con mercado de cabalos. Así, a Carballeira de Francos acollerá o vindiero 11 de novembro a Feira do San Martiño, unha tradición neste municipio que data do século XV, e que fora interrumpida no 2020 por mor da pandemia.

Este ano, e con novas medidas de seguridade fronte á covid, retómanse os eventos e actividades arredor do San Martiño que comezarán con antelación: dende o sábado 6 haberá concertos na carballeira. Xa na véspera do San Martiño, onde se reúnen gran cantidade de persoas arredor das polbeiras tamén se contará cun concerto músical.

Estas actuacións serán de balde e informarase do acceso e a reserva de prazas. Os carteis dos concertos publicaranse nos próximos días, e o día da feira, ademais do mercado de cabalos, a veciñanza poderá mercar nos postos de venda de produtos agrícolas e gandeiros, alimentación e artesanía popular.

Para xantar, como vén sendo tradición, habilitarase espazo para as carpas das polbeiras. Como vén sendo habitual, os axentes da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil estarán ao pé do canón para garantir a seguridade no foro. m. outeiro