A ‘Nación Mar’ de Xosé Iglesias acolle aos barcos míticos da Costa da Morte

O ceense converteu en arte as embarcacións de pesca máis senlleiras deste litoral atlántico // Transformounas en baleas, cachalotes e outros seres mariños
Arte
Jose Manuel Ramos
Begoña Fernández, xerente de Stoupa, e Xosé Iglesias, presentando o álbum. Foto: Stoupa

O pintor, poeta, mariñeiro e patrón de pesca ceense Xosé Iglesias presentou na Galería Stoupa de Cee o álbum Nación Mar, un libro ilustrado co que quere render “homenaxe aos míticos barcos da Costa da Morte”, transformándoos en arte e dándolles formas de baleas, cachalotes e outros seres mariños.

Cando comezou a traballar no mar e saía a pescar co seu tío do porto de Cee, a súa ollada sempre se dirixía ao antigo asteleiro Sicar, marabillándose ca feitura de barcos chegados de Muxía, Laxe, Ribeira...

Unhas imaxes visuais que acabou transformando en pinturas que agora ilustran este libro, no que recolle a historia e curiosidades dunhas corenta embarcacións que teñen para el unha especial significación. É un libro, afirmou, “pensado para que o poidan ter nas mans tanto un neno de 3 anos coma un adolescente de 16 ou un adulto de calqueir idade”. Ademais, “o que o lea seguro que vai aprender moitas cousas”.

Iglesias sinala que é unha obra “en parte, tamén autobiográfica porque fala dos barcos nos que empecei a navegar”. Nela, ademais de reflexar o seu selo artístico e poético, tamén avalía as diferencias das proas dos barcos da Costa da Morte respecto a outros das Rías Baixas, destacando que son “embarcacións máis robustas, cunha proa puntiaguda”, a maioría delas feitas nos asteleiros da Telleira (Cabana de Bergantiños) e Cereixo (Vimianzo).

Nación Mar tamén inclúe unha sección adicada ás embarcacións tradicionais, unha carta baleeira de Fisterra e unha relación dos naufraxios históricos acontecidos no litoral da Costa da Morte.