MARISQUEO. Os das pedras da Barca, de Muxía, cotizáronse a 150 € // Agardan que a vindeira semana aumente máis o prezo conforme se achegue o Nadal // Baixou
o valor da ameixa fina en Camariñas, que se sitúa en 30 €/kg TEXTO José Manuel Ramos

Acadan os 170 euros o quilo os mellores percebes do Roncudo

Marisqueo
Jose Manuel Ramos
Percebeiros traballando nas pedras da Barca, en Muxía. Foto: Ángel Castro

Os primeiros percebes colleitados nas pedras do Roncudo, en Corme (Ponteceso), pagáronse a 170 euros o quilo na lonxa da Coruña, mentres que os das pedras da Barca, en Muxía, cotizáronse este venres a 150. O sector agarda que conforme se acheguen as datas de Nadal, se o tempo e as mareas o permiten, poidan acadar cotizacións aínda maiores como xa sucedeu en anos anteriores, nos que se chegaron a pagar a máis de 260 euros o quilo.

Volverán o luns a baixar as mellores pedras, aínda que para a semana “temos mareas mortas e, si se pica algo o mar, vainos complicar bastante o traballo”, sinalou Roberto Vidal, patrón maior de Corme. Iso pode facer “que baixen as capturas e podería aumentar a cotización”. Nestes dous primeiros días todos os percebeiros que traballaron no Roncudo colleron o tope fixado en 6 quilos por profesional.

Víctor Haz, presidente da Agrupación de Percebeiros de Muxía, comparte a preocupación co seu homólogo de Corme polas mareas que van ter antes do Nadal, “pois se vén mal tempo vai ser moi complicado traballar, e ademais temos poucas horas de marea, xa que son pola tarde e logo se fai de noite”.

Na vila da Barca traballaron toda a semana nas súas mellores pedras, pero o mal tempo no mar non lles permitiu acceder todo abaixo que quixeran. E “aínda así, collemos un bo produto, e de feito nos primeiros días xa se pagou entre 80 e 130 euros o quilo”, sinalou Haz.

Confían igualmente en que, si poden traballar, a vindeira semana subirán os prezos. Actualmente a agrupación muxiana está conformada por 55 profesionais, dos cales sete son mulleres. Son menos que anos atrás porque, segundo Víctor Haz, “a xente maior vaise xubilando e os novos non son moi partidarios deste oficio porque é moi inestable”.

Os percebes que se colleitan na Costa da Morte comercialízanse practicamente na súa totalidade na lonxa da Coruña “e de alí distribúense para toda España”, asegura o patrón maior de Corme.

O Nadal é a época estrela deste produto, “pois co que se fai nestas datas salvamos unha boa parte do ano”, engadiu, xa que a partir de xaneiro as cotizacións do produto baixan de xeito notable.

Ademais dos prezados percebes da Costa da Morte, dende esta franxa costeira tamén chegan as mellores mesas as ameixas de Camariñas. Neste caso, a campaña arrincou con moi bo pé, con cotizacións de ata 37 euros o quilo a comezos de mes, pero nos últimos días baixou o prezo, e na poxa deste venres non chegou aos 31 euros.

O patrón maior, José Ramón Lema, achaca esta baixada á situación de incertidume provocada pola pandemia e as restricións. A maioría do seu produto acaba en mercados de Cataluña e Madrid.

Lema Romero asegura, non obstante, que “seguimos coa mesma ilusión, pois nos tempos que corren hai que tratar de tirar para adiante”. Continuarán traballando e colleitando ameixa, “pois temos produto e de boa calidade”. Nos últimos días estiveron faenando no banco marisqueiro de A Vasa, “porque no Ariño, coas intensas choivas non poidemos faenar na canle do río”, e están collendo un tope de tres quilos de ameixa fina por mariscador.