Acordo en Cee para licitar o novo contrato de xestión de residuos

No pliego de condicións mantéñense as propostas polo goberno e modifícanse os parámetros de valoración // As emendas que plantexaba o PP foron desestimadas en base a un informe de Secretaría
Medio Ambiente
Jose Manuel Ramos
Momento dunha sesión plenaria da Corporación local de Cee. Foto: J. M. R.

Despois de dous intentos fallidos, á terceira parece que irá a vencida, e o pliego de condicións para licitar o novo contrato de xestión de residuos no Concello de Cee podería ser aprobado no pleno ordinario de febreiro. Así o confirmou a alcaldesa, Margarita Lamela, logo de acadar un acordo cos membros da oposición para incorporar algunhas modificacións á proposta inicial do goberno (PSOE), que foi rexeitada dúas veces polo pleno.

A rexedora asegura que as novas condicións foron acordadas logo de que a secretaria municipal emitise un informe negativo ao respecto das emendas que plantexara o PP. Deste xeito, sinalou, manteranse todas as condicións da proposta inicial, agás os parámetros de valoración das ofertas que se presenten. Así, o goberno plantexaba inicialmente valorar un 20% a parte técnica e un 80% a oferta económica e as melloras a introducir no servizo, mentres que o PP propoñía que se cambiasen ditas porcentaxes a un 40 e un 60 por cento, respectivamente. Finalmente, e logo do acordo acadado, quedarán nun 30 e un 70 por cento.

No tocante, ás melloras que se plantexan no pliego figuran a aportación de contedores para envases lixeiros e de selección da fracción resto, a ampliación do número de días da recollida selectiva, unha campaña anual de concienciación e o lavado dos colectores do lixo.

As bases agora consensuadas volverán a ser elevadas a unha comisión informativa para a súa aprobación previa e, posteriormente, ao pleno que se celebrará a finais de mes.