Adecuación de áreas recreativas e espazos veciñais no rural de Muxía

Servizos municipais
Jose Manuel Ramos
Traballos de mellora e adecuación nas áreas recreativas e espazos veciñais. Foto: Concello de Muxía

O Concello está a levar a cabo traballos de mellora e adecuación nas áreas recreativas e nos espazos veciñais de Muxía. Recentemente, procedeuse a adecentar e limpar os espazos de Vilarmide, Quintáns e Palusa, á vez que recuperouse a área recreativa de Morpeguite.

Todas estas intervencións, que ata momento foron levadas a cabo polo alumnado dos obradoiros de emprego, contarán cunha segunda fase, feita por operarios municipais e financiada polo Plan de Emprego Local (PEL Deputación). Nela procederase a realizar labores de ornamentación, pintura e reparación de elementos en mal estado noutras zonas rurais do municipio.

Javier Romar, concelleiro de Obras e Parroquias, coordina estes traballos e intervencións nas zonas rurais e destacou a importancia “de poñer a punto estes espazos que levaban varios anos sen ter mantemento. Coa situación sociosanitaria que estamos a vivir, estas zonas servirán para ofrecer á veciñanza e turistas unha boa opción de poder gozar de espazos de natureza en bo estado de conservación”.