Ameixa de calidade e uns bos prezos no comezo da campaña en Camariñas

No primeiro día a variedade fina cotizouse en lonxa por riba dos 31 euros // Os mariscadores afrontan con optimismo o Nadal
Marisqueo
Jose Manuel Ramos
Bolsa de ameixas recolleitadas no banco mariqueiro do Ariño, en Camariñas. Foto: Confraría de Camariñas

Os mariscadores e mariscadoras de Camariñas comezaron onte a campaña de Nadal e, a tenor da xornada inaugural, as expectativas son boas, xa que o produto é de moi boa calidade e a súa cotización acorde á mesma.

O patrón maior, José Ramón Lema, asegurou que “a xente volveu contenta para a a casa, pois acadáronse uns prezos moi bos en lonxa”. Así, a ameixa fina cotizouse neste primeiro día de campaña por riba dos 31 euros o quilo, unha cifra que contrasta cos 23 €/Kg acadados o 4 de decembro do ano pasado. Pola súa banda, a ameixa xapónica pagouse na rula camariñana a 10,50 €/Kg.

“Estamos sorprendidos”, afirmou o patrón maior, “porque hai que ter en conta que estamos no medio dunha pandemia e con moita xente recluída”. Agardan, non obstante, que co paso dos días, e a medida que se achegue o Nadal, as cotizacións tendan á alza, pois “se abren a hostalaría en Cataluña, iso tamén nos beneficiará a nós, porque os nosos compradores teñen alí un bo mercado”, engadiu.

Nesta primeira xornada traballaron no banco marisqueiro do Ariño, e os trinta e seis mariscadores que baixaron á area colleitaron sen problema os topes fixados: 3 quilos de ameixa fina e 1 de xapónica. “Íamos cos ollos pechados, pois non sabiamos o que nos podíamos atopar pero, por sorte, temos ameixa”, sinalou Lema Romero.

De feito, este mércores aumentarán os topes, e tamén está previsto que participen máis de cincuenta profesionais. “Se nos aguanta o recurso ata as datas centrais de Nadal será fantástico”, afirmou.

O único pero deste comezo de campaña é “que non temos berberecho, pero é algo xeral en toda a costa, pois falamos coas mariscadoras do Anllóns e tampouco teñen”, sinalou o patrón maior, quen culpa desta escaseza ao cambio climático.

Agora esperan tamén que o tempo os acompañe, pois “para o venres xa dan temporal e igual temos que cambiar de zona, pero xa sabemos que temos que xogar un pouco con todas as circunstancias”. En principio, se a meteoroloxía o permite seguirán faenando no Ariño e, de non ser posible, irán para A Basa, segundo José Ramón Lema.

En liñas xerais, o 2020 está sendo un bo ano para os mariscadores camariñáns, xa que ao longo do ano tiveron abundancia de berberecho e, ademais, acadaron unhas cotizacións de récord para esta especie na lonxa local, por riba dos 14 euros por quilo, segundo indicou a presidenta da agrupación de mariscadores, Noelia Garrote.

Unha das claves deste bo momento que atravesa o sector, despois de anos moi difíciles pola falta de recursos, está na implantación das poxas virtuais que permitiron incrementar de xeito moi notable o número de compradores de marisco. Hoxe son máis de cincuenta os que poxan cada día polas ameixas e berberechos da ría de Camariñas.

Outra das claves, segundo Noelia Garrote, está “no traballo, pois estamos mimando moito os nosos bancos e creando minicriadoiros para abastecernos de sementes e manter así os recursos”.

Ademais, engadiu, as boas cotizacións débense tamén en boa parte á aposta da agrupación por ofrecer ao mercado o produto de mellor calidade, para o cal aumentaron as tallas mínimas que había fixadas para a comercialización da ameixa e do berberecho.