Apoio económico a catro asociacións de Muxía

Política municipal
Jose Manuel Ramos
Olalla Benlloch, Iago Toba e Javier Romar, membros do goberno local de Muxía. Foto: C. M.

MUXÍA. O Concello apoiará o proxecto de catro agrupacións locais con subvencións nominativas. Destaca a partida que respaldará á Asociación de Turismo - Muxía Natural, que percibirá 10.000 euros, catro mil máis do que viña recibindo. As outras axudas serán para a Asociación Profesional Percebe de A Barca; Aspadex, para que poida seguir coa súa labor de transporte de usuarios e usuarias de Muxía con diversidade; e o Club de Fútbol de Muxía.

O alcalde, Iago Toba, afirma que “estas axudas velan polo interese xeral do noso municipio e servirán de apoio fundamental para que estas asociacións poidan seguir adiante cos seus proxectos que melloran a vida de todos os muxiáns e muxianas”.

Ademais, o goberrno local tamén levará ao pleno os orzamentos que irán destinados para prever o gasto de inclusión na asociación de concellos, de recente creación, que promocionará o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía. A partida é de 2.000 euros, que é o custo da cuota de unión a dita agrupación. Toba considera “fundamental formar parte da asociación, xa que é un elemento vertebrador dos municipios da contorna e ofrecerá múltiples vantaxes a nivel económico, organizativo e social”.