Aprobado o orzamento de Corcubión co voto de calidade do alcalde

As contas de algo máis dun millón trescentos mil euros só tiveron o apoio do goberno local
Política municipal
Jose Manuel Ramos
Fachada da casa consistorial de Corcubión. Foto: Concello de Corcubión

Corcubión. A Corporación de Corcubión aprobou os orzamentos de 2021 (1,3 millóns de euros) co único respaldo dos edís do grupo de goberno (PSOE), que tivo que botar man do voto de calidade do alcalde, Manuel Ínsua.

O rexedor pediu o apoio de todos os grupos sinalando que “é máis unha cuestión técnica que política, pois non poderíamos seguir cuns orzamentos prorrogados”. Amosouse disposto a recoller as propostas “asumibles e viables”, pero lembrou que os recursos son moi limitados “e temos os mesmos servizos que outros concellos que triplican o noso orzamento”.

Os concelleiros do BNG abstivéronse “por coherencia”, segundo sinalou o seu portavoz, Lois Lado, namentras que Sempre Corcubión e o concelleiro de PACOR votaron en contra. A edil do PP non asistiu ao pleno.

Alfredo González (SC) foi un dos máis críticos cas contas, que cualificou de “pouco resolutivas”. Di que se están a perder ingresos de IBI “pola carencia de actuación do goberno”, criticou a escaseza das partidas para Radio Neria, urbanismo e mantementos, e propuxo elaborar un estudo para dotar aos edificios municipais de enerxía solar. José Ramón Rojo, de PACOR, afirmou que “iste é un castelo que se vén abaixo”. J. M. r.