Aprobado por unanimidade o proxecto do novo saneamento de Cee e Corcubión

O prezo de licitación supera os 8 millóns de euros // As instalacións quedarán integradas no contorno // Manteranse os xardíns e crearase outro parque infantil no paseo ceense
Servizos
Jose Manuel Ramos
O proxecto permitirá mellorar o servizo de saneamento e a depuración de augas residuais de Cee e Corcubión. Foto: Fuentes

A Corporación de Cee aprobou, por unanimidade, o proxecto de Mellora do sistema de saneamento dos Concellos de Cee e Corcubión, ascendendo o prezo base de licitación a 8.140.844,96 euros. O prazo de execución é de 24 meses. Logo de que rematase a exposición pública sen que se presentasen alegacións, o acordo contempla tamén os compromisos de facerse cargo de calquera taxa, canon ou imposto de carácter local; asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, unha vez recibidas pola Administración Hidráulica de Galicia; da posta a disposición dos terreos para a execución dos traballos; do establecemento ou actualización das tarifas pola prestación do servizo; de ratificar a solicitude efectuada pola alcaldesa do financiamento do 100% do custo das obras; e que a execución cumpra as autorizacións/informes sectoriais así como as condicións establecidas nos mesmos.

O sistema de saneamento de Cee e Corcubión mostra deficiencias no funcionamento dos bombeos e dispón dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento absoleta. A solución proxectada para a mellora da rede ten varias etapas, segundo sinala a alcaldesa, Margarita Lamela. A primeira é o proxecto aprobado sendo o seu obxecto a renovación do colector das Laxes, que comeza na glorieta da praza do Mercado, a construción dun tanque de tormenta no parque próximo a praia da Concha e a execución dun novo colector que, dendo o bombeo das Monxas, conduza as augas ao tanque de tormenta e as bombée á estación depuradora, ata a arqueta da rotura de carga, permitindo así a eliminación deste bombeo.

O tanque de tormenta ocupará unha superficie total de 603,45 m2, dos cales 150 estarán en superficie (edificio), estando o resto enterrado, e a súa capacidade será de 2000 m3. Lamela subliña que o edificio proxectado viu reducida a súa superficie de 273,98 a 150 m2 e foi deseñado para acadar a integración paisaxística, minimizando o impacto visual da construción, conforme consta na autorización de Patrimonio. Mantense a zona axardinada e a construción dun novo parque infantil, quedando o edificio totalmente integrado no entorno, e na proposta “contémplase que duas fachadas da propia edificación teñan a finalidade de xogos infantís, como rocódromos, togobáns... procurando que a actuación non afecte as árbores existentes na parcela”, engade.

A rexedora lembra que mantivo numerosas reunións coa subdirectora de Patrimonio, a directora de Aguas de Galicia e os técnicos de ambos organismos, “na procura dunha solución para que o tanque de tormenta quedase integrado no entorno, incidindo na necesidade da contrución dun novo parque infantil e zonas de divertimento".