Aproban noventa e tres solicitudes do Reactiva na capital vimiancesa

Cento vinte e unha empresas demandaron as axudas para paliar os efectos da COVID
COVID
Jose Manuel Ramos
Mías de cento vinte empresas de Vimianzo solicitaron as axudas do PEL-Reactiva. Foto: J. M.

Vimianzo. O Concello vimiancés aprobou a concesión provisional de 93 solicitudes de adhesión ao plan provincial de reactivación económica PEL-Reactiva, por un total de 160.577,20 euros.

Un total de 121 empresas accederon a estas axudas, das cales 28 non cumprían os requisitos establecidos na convocatoria. Con todo, notificaránlles o acordo ás persoas interesadas, que dispoñerán dun prazo de dez días hábiles para, de ser o caso, realizar as oportunas alegacións.

Estas axudas buscan darlle solucións ás problemáticas derivadas da crise sanitaria provocada pola COVID.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca o “compromiso do presidente da Deputación Provincial, Valentín González Formoso, co noso tecido empresarial para facer fronte común ante esta problemática, acaecida ao longo de todo o noso país e particularmente no noso municipio”.

Desde as institucións, engade, “temos que seguir traballando para conseguir novas liñas de axuda, que complementen ás que xa realizamos e que seguiremos implementando, agardando á apertura do exercicio económico, que sirvan como alento a todas aquelas persoas que, o fronte dun negocio, estean a atravesar unha situación delicada polo contexto sanitario”. j. l.