Arte solidario coa India dende Camariñas para construír unha escola

O Concello comprou dúas obras da artista Amparo Sard, que expón no Museo Man
Solidariedade
Jose Manuel Ramos
A doutora e profesora de Belas Artes cun grupo de mulleres durante unha das súas visitas á India. Foto. C. C.

Camariñas. O Concello vén de adquirir dúas obras da artista Amparo Sard, que actualmente expón a súa colección La inercia de los escombros no Museo Man de Camelle. O importe destas será doado á Fundación Vicente Ferrer para financiar a construción dunha escola na rexión de Anantapur, na India.

Esta compra xestiónase a través do proxecto Matatasombras, co que a Fundación, a través da arte, está a levar a cabo un proxecto de construción de escolas na India.

Xa están feitas cinco e esta sería a sexta, que se prevé inaugurar no ano 2022. Segundo explica o comisario de arte do proxecto Matasombras, Antonio Torres, as escolas “se construyen en zonas rurales donde no hay centros

educativos, con el objetivo de ayudar, a través de la educación, a cambiar determinados hábitos sociales instaurados allí como puede ser el que dice que las clases bajas no pueden salir a la calle durante el día porque hasta su sombra es impura y no puede tocar a nadie”.

Hai que lembrar que, dende o pasado 27 de agosto e ata o 26 de setembro, pódese contemplar nas salas do Museo Man de Camelle a mostra La inercia de los escombros, que chegou a Camariñas da man da liña de axudas artísticas do Instituto de Estudios Baleares. Trátase dunha instalación de doce metros realizada en plástico reciclado.

O seu propósito é o de tomar conciencia sobre a forma na que evolucionaron as relacións sociais fronte ao devastador ritmo de vida ao que estamos sometidos. A era tecnolóxica axuda a que todo se perciba como se se tratase dunha película de ciencia ficción, que non nos quita o sono nin o apetito aínda que vexamos traxedias de todo tipo como mortes ou catástrofes ecolóxicas, entre outras.

Amparo Sard é doutora e profesora de Belas Artes na Universidade de Barcelona, Master of Art in Media Studies pola New School University de Nueva York. Foi galardoada, entre outros recoñecementos, co Deutsche Bank Internacional, a Medalla de Ouro do Goberno Italiano á súa carreira e seleccionada como unha das mellores artistas do mundo do ano 2018 para a LXRY list de Holanda. A súa obra atópase en varias coleccións privadas e públicas de renome.

ENCAIXE NO CAMIÑO. Por outra banda, o sábado, día 4, Camariñas acollerá unha nova edición da recreación histórica O Encaixe no Camiño. Os actos comezarán ás 11.00 horas coa saída da comitiva dende a Casa de Pedra cara o porto para recibir ao rei Alfonso IX, que chegará por mar como fixera no ano 1228. Despois acompañarán ao monarca ata Cereixo. Pola tarde, ás 18.00 horas, chegará a dama italiana que, segundo a lenda, ensinou a palillar ás mulleres de Camariñas. J. M.