COSTA DA MORTE. Nenos e nenas de Cee aprenden a orientarse no medio natural // En Carballo seguen as pegadas polos camiños con Senda Nova TEXTO J. M. Ramos

Aventuras con afán explorador

Actividades de lecer
El Correo Gallego
Un monitor de Atlantis Adventure explicando aos escolares ceenses os pasos a seguir. Foto: Manuel Calo

O medio natural é o entorno máis seguro e saudable para desfrutar e aprender no tempo de lecer. É o que están a facer sesenta nenos e nenas de Cee, de entre 7 e 14 anos, distribuidos en catro quendas-grupos, que están aprendendo a orientarse, interpretar mapas e manexar brúxulas para atopar os obxectivos que lles marcan os seus monitores. A iniciativa, que está coordinada pola empresa ceense especializada en turismo activo Atlantis Adventure, “está a ter unha excelente acollida”, asegura o técnico de Deportes, Manuel Calo.

A área recreativa da fonte de Toba e a praia da Concha son os dous escenarios escollidos para desenvolver as actividades, que se complementan cunha xincana deportiva.

Ese mesmo afán aventureiro e as ganas de coñecer o medio natural que nos rodea é o que mobiliza aos rapaces e rapazas que, guiados polos monitores de Senda Nova, están a participar nas actividades do programa Eu quero Razo-Baldaio. Na fin de semana botáronse a andar para descubrir as pegadas e indicios que cun pouco de atención e interese podemos atopar nos camiños. A acollida foi “sensacional”, e dende o colectivo ambiental convidan a sumarse agora a nunha nova aventura pola costa de Carballo.

A cita é este mércores, día 7, e consistirá nunha interesante ruta itinerante de carácter interpretativo polo patrimonio das parroquias. Farana en autobús, pero parando nos lugares de interese cultural máis importantes de Oza, Razo, Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela. O roteiro está aberto tamén a persoas adultas e terá como punto de partida o Espazo da Natureza de Oza. Da coordinación encargaranse tamén os técnicos de Senda Nova.

En Cee, os maiores e pequenos tamén poden desfrutar xuntos de visitas guiadas gratuítas ao Museo Fernando Blanco, o xardín botánico e a capela do IES Fernando Blanco todos os xoves de xullo ás 11.00 horas. Os interesados deben inscribirse no centro social ou chamando ao número de teléfono 981 747654.